Saltar ao contido

A FALTA DE DISCIPLINA TÁCTICA, CONDENA AO BM.CULLEREDO

SAEPLAST BM. CAÑIZA - BALONMÁN CULLEREDO. Xornada 6 Primeira Nacional, Grupo A

No momento e lugar máis inadecuado, o BM.Culleredo asinou o peor encontro da tempada e non puido conseguir ningún punto na súa visita á Cañiza. O enfrontamento marcábase no calendario como unha oportunidade única de subir varios banzos na táboa clasificatoria, deixar a un rival importante a catro puntos e situarse nunha posición cómoda e sen urxencias para próximos envites. A realidade, en cambio, sería moi diferente e o BM.Culleredo caería sen opción de vitoria ante un rival que saíu moi concienciado do vital que para eles era o partido e demostrouno desde o primeiro minuto, especialmente na dureza coa que se empregaría en defensa durante todo o encontro. Os cullerdenses, equivocaríanse de pleno en practicamente todas as fases do xogo, especialmente no posicional, onde a anarquía no xogo reduciría ao mínimo as posibilidades de éxito fronte á dura retagarda dos locais. Non había ritmo de xogo, as individualidades substituían equivocadamente ao traballo colectivo e as malas tomas de decisión, uníanse ás moitas e varias precipitacións para sumar 19 balóns perdidos e un pobre 52´94% de acerto ante a portería rival. Aínda así, os cullerdenses terían as súas opcións de reducir as diferenzas a un minuto do final do primeiro acto (12-10), pero un 3-0 de parcial derivados de tres erros non forzados, poñerían en cómoda vantaxe ao conxunto da Cañiza (15-10). Non houbo opcións de remontada na continuación e un criterio arbitral cun nivel moi elevado nos contactos, terminou por desesperar as poucas posibilidades de achegamento dos de Culleredo, lamacentos nas contundentes axudas da zaga rival e frustrados ante as duras accións sen sancionar. Lamentar a conmoción cerebral de Nuno Loxo, que parece quedará nun gran susto segundo a evolución que está a presentar o xogador nestas horas posteriores. Foi, sen dúbida, un duro tropezón para o conxunto de Culleredo, pero do que, a bo seguro, aprenderá para que non se volva a repetir nos seguintes e importantes enfrontamentos que esperan no próximo mes.

BM. Saeplast Cañiza: 34 (15+19). Xosé Mª González, Gabriel Lusquiños, Jesús Veiga, Thiago José Teixeira (5), Manuel Alejandro Gómez (3), Alejandro López (4), Pedro Oliveira, Alex Rey, Marcos López (2), Alberto Hernández (5), Rubén López (5), Jorge Martínez, Iván Arroyos, Ismael Gómez (6), Javier Bernárdez (4), Jesús Rivera.

BM.Culleredo: 27 (10+17). Xoán Varela (P), Oscar Bello (P), Mario Bento, Lucas Sánchez (1), Manuel López (1), Alejandro Gómez (4), Nico Pérez, Marcos Regueiro (1), Daniel González (3), Pedro Pereira (9), Iago Ferreiro (3), Marco García, Alejo Martínez (1), Nuno Loxo (2), Darío Pérez (2), Adrián Díaz.

Parciais cada 5´: 3-2 / 9-5 / 9-6 / 9-6 / 11-8 / 15-10 / Descanso / 17-12 / 19-15 / 23-16 / 27-21 / 30-22 / 34-27 / Final. 

Colexiados: Iván Álvarez e Javier Casado.

Incidencias: 6ª xornada da temporada 2024/25 na 1ª nacional (Grupo A) . Partido disputado no municipal da Cañiza con boa afluencia público.

Fotos Do encontro:

https://photos.app.goo.gl/Wh6Ms2JYFbAhXrhJ9

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *